Biografía de Rosalía de Castro
Por Marina Mayoral
- Nacemento e primeiros anos
- Rosalía e a súa nai
- Rosalía e Murguía
- Como era Rosalía? Carácter
- Morte de Rosalía
Nacemento e primeiros anos
Rosalía de Castro naceu en Santiago de Compostela o 23 de febreiro de 1837. A data de 1836 que figura na súa partida de bautismo é un erro do capelán, xa que todas as actas que preceden e seguen son do ano 1837.
Nun documento asinado ante notario en 1843, doña Teresa de Castro recoñece a Rosalía como a súa filla natural e dá como data de nacemento o 23 de febreiro de 1837. O documento estaba cos papeis do expediente de vodas de Murguía e Rosalía. Murguía solicitara a exención de taxas, por falta de recursos económicos, e a Igrexa arquivouno na sección de POBRES, onde a ninguén se lle ocorreu buscalo. Atopárono alí en 2021 a investigadora Sagrario Abelleira e a arquiveira Irene Galindo.
Na súa partida de bautismo, que tivo lugar na capela do Hospital Real, lemos:
O vinte e catro de febreiro de mil oitocentos trinta e seis1, María Francisca Martínez, veciña de San Juan de Campo, foi madriña dunha nena que bauticei solemnemente e puxen os santos óleos, chamándoa María Rosalía Rita, filla de pais incógnitos, cuxa nena levou a madriña, e vai sen número, por non pasar ao hospicio; e, para que así conste, asínoo: José Vicente Varela y Montero.
Esas palabras esconden tantos segredos e misterios que se podería escribir unha novela de intriga a partir delas, pero imos centrarnos nas investigacións que foron desvelando parte deles. En primeiro lugar, o que se refire aos pais incógnitos
. Durante algúns anos mantívose silencio sobre eles, pero hai xa tempo que estudos rigorosos nos permiten coñecer con certeza os seus antecedentes familiares2 e os detalles da súa infancia.
A súa nai, dona María Teresa de la Cruz de Castro y Abadía, tiña trinta e tres anos cando naceu Rosalía e pertencía a unha familia fidalga vinda a menos. No poema «Como chove miudiño» de Cantares gallegos, Rosalía evoca a casa natal da súa nai e os tempos de benestar xa pasados:
Casa grande lle chamaban
noutro tempo venturoso,
cando os probes a improraban
e fartiños se quentaban
ó seu lume cariñoso3.
(O. C. I, p. 623)
O seu pai foi don José Martínez Viojo era sacerdote4 e, cando naceu a nena, contaba trinta e nove anos. A súa condición sacerdotal impedíalle recoñecer a súa filla5, polo que delegou o seu coidado nas súas irmás. A nena acabada de nacer foi levada a Ordoño e alí aleitouna a esposa dun xastre chamado Lesteiro. Dona Teresa e dona María Josefa, tías paternas de Rosalía, tomaron baixo a súa tutela a rapariga mentres viviu en Ortoño, ata que a súa nai se fixo cargo dela.
Malia que non sabemos con exactitude cando foi ese momento, hai probas documentais que demostran que o fixo cando Rosalía era aínda unha nena pequena. No curso dunhas obras nos arquivos do Concello de Padrón, descubriuse un documento que recolle os nomes de quen vivía na cidade entre o 1 e o 30 de outubro 1842. Foi publicado e estudado por primeira vez por Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda6, que ofrece un detallado estudo do documento e do modo de vida dos habitantes de Padrón nese momento. No documento consta que dona Teresa de Castro reside naquela localidade como cabeza de familia, coa súa filla Rosalía e unha criada chamada María Martínez. Dise que o estado civil de dona Teresa é o de solteira e que ten trinta e seis anos; dato este erróneo, sinalado tamén pola investigadora. Segundo datos do Libro de bautizados de Iria Flavia, dona Teresa nacera o 24 de novembro de 1804; estaba, pois, a piques de cumprir trinta e oito anos. E Rosalía tiña cinco anos e, como máximo, oito meses.
Outro punto que se aclarou é o da identidade da muller que actuou de madriña no bautizo de Rosalía e que levou con ela a nena. Creuse nun primeiro momento, debido á similitude de apelidos, que se trataba de alguén da familia do pai, o cal demostraría o interese do sacerdote polo froito dos seus amores e a súa intención de protexer a criatura. En realidade, tratábase dunha serventa de dona Teresa de Castro, sen ningunha vinculación coa familia Martínez Viojo. É a mesma muller que aparece no padrón de 1842 convivindo con dona Teresa e coa nena Rosalía, aínda que alí se mencione só como María Martínez. É un ano máis nova ca dona Teresa e, sen dúbida, era unha persoa da súa confianza.
Tras as palabras vai sen número e, ao non pasar ao hospicio
ocúltanse tamén outras incógnitas.
Destaquemos, en primeiro lugar, que o bautizo de Rosalía no Hospital Real lles permitiu aos pais manter o anonimato e inscribir a criatura como de pais incógnitos
, cousa que lles conviña tanto ao pai sacerdote, como á nai solteira da alta sociedade. O raro foi que non pasase ao hospicio, que era o destino normal dos así bautizados. Quen tomou esa decisión?
Segundo investigacións de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, o número de mortes nestas institucións era elevadísimo7. En 1837, dos 432 bautizados, morreron 342. A investigadora estuda o caso da filla natural do irmán maior de dona Teresa, José María de Castro, que se viu na necesidade de ingresar a súa filla no hospicio e que, por medio dun intermediario, a sacou de alí aos poucos días. Porén, só puido darlle os seus apelidos, tras moitos esforzos, unha vez casado coa nai da nena. Con estes antecedentes familiares, entendemos que dona Teresa non quixese deixar a súa filla naquela institución. Por outra banda, que a nena fose levada inmediatamente a Ortoño e entregada alí a unha ama de cría fai evidente a intervención do pai. Parece razoable, por tanto, pensar que a decisión foi dos dous e que ambos os proxenitores se puxeron de acordo para lle evitar a Rosalía o penoso destino do hospicio.
Rosalía e a súa nai
Ata que apareceu o padrón de 1842, o que se sabía da relación de Rosalía coa súa nai era que vivían xuntas en Santiago de Compostela en 1852, cando Rosalía ten xa quince anos, dato que deu a coñecer Fermín Bouza Brey8.
Sempre houbo voces que criticaron que dona Teresa ocultase nos primeiros anos a existencia da súa filla. A influencia de Manuel Murguía, marido de Rosalía, e o respecto que inspiraban ambas as figuras mantiveron as críticas silenciadas, pero unha carta sacounas á luz. Un membro da familia paterna de Rosalía envioulle a Bouza Brey unha carta, datada en agosto de 1923, apenas seis meses despois da morte de Murguía, que contiña gravísimas acusacións contra dona Teresa:
A desnaturalizada nai, non querendo abrazar as penalidades da educación da súa filla ou, o que é máis probable, desexando por un sentimento de honra mal entendido afastar de si a infortunada criatura, para que non fose baldón que deslustrase o timbre da súa familia nin os seus rancios e ridículos pergameos, pensou en levala ao hospicio; coñecedor diso, o capelán Martínez quitoulle a nena á súa nai e entregoulla á muller dun tal Lesteiro, xastre en Ortoño, quen a educou e tivo como filla, aleitándoa ela mesma, satisfacendo José Martínez os gastos da súa crianza, subsistencia e demais...
Bouza Brey nunca fixo pública esta carta, que si se publicou despois da súa morte9. En contra do que esa carta di, a miña opinión é que dona Teresa nunca abandonou a súa filla, teoría que mantiven desde os meus primeiros estudos sobre Rosalía. Baséome para pensar isto na interpretación do libriño A mi madre, que Rosalía escribiu tras a morte da súa nai. Nel dá mostras dunha dor que só pode producirse pola perda dunha longa e feliz convivencia con ela. Rosalía casa en 1858. No estudo introdutorio á miña edición de En las orillas del Sar (1978), eu dicía: Puido crearse un vínculo tan forte entre nai e filla en só seis anos de convivencia, tendo xa Rosalía quince? Custa crelo. Aínda que non teñamos probas, hai que supoñer que dona Teresa se fixo cargo da nena moito antes desa data de 1852
. As investigacións posteriores deron base documental a esa interpretación.
A imaxe que Rosalía nos transmite da súa nai é a dunha muller cariñosa que lle deu protección e amor:
Yo tuve una dulce madre,
concediéramela el cielo,
más tierna que la ternura,
más ángel que mi ángel bueno.
(O. C. I, p. 469)
Á dor pola morte da súa nai súmase a dor de perder un refuxio seguro. A pesar de estar casada e ter unha filla, Rosalía sente que perdeu o seu «niño»:
¡Ay, qué profunda tristeza!
¡Ay, qué terrible dolor!...
¡Ella ha muerto y yo estoy viva!
¡Ella ha muerto y vivo yo!
Mas ¡ay!, pájaro sin nido
poco lo alumbrará el sol,
¡y era el pecho de mi madre
nido de mi corazón!
(O. C. I, p. 468)
Cariño, compaixón e agradecemento eran os sentimentos de Rosalía cara á súa nai. Debeu de compadecela, como a moitas das protagonistas dos seus poemas, unha muller namorada e enganada polo home. Pero tamén a respectaba e a admiraba como a muller valorosa que se enfrontou á sociedade para recoñecer o froito do seu descoido. En La hija del mar, en referencia a unha nena do hospicio, di:
Hija de un momento de perdición, su madre no tuvo siquiera para santificar su yerro aquel amor con que una madre desdichada hace respetar su desgracia ante todas las miradas, desde las más púdicas hasta las más hipócritas.
(O. C. I, p. 51)
Aos ollos de Rosalía, a súa nai si tivo cara a ela ese amor que «santificou» o seu yerro.
Unha vez instalada en Santiago coa súa nai, a súa vida transcorreu como a de calquera nena da súa clase social. Parece que a súa instrución foi escasa, como o era a da maioría das mulleres naquela época. Segundo datos proporcionados pola familia Murguía, citados por Filgueira Valverde, Rosalía tocaba a guitarra inglesa, a española, a arpa, a frauta e, por último, o harmonium
10. Sabemos que frecuentou as aulas do Liceo da Mocidade, institución fundada en 1847 que se dedicaba a instruír por medio da Literatura e das Belas Artes
e que impartía clases de literatura, pintura, música e declamación e que, probablemente, lle proporcionou a Rosalía coñecementos nesas disciplinas11. Tamén participou como actriz de éxito en varias obras de teatro que alí se representaron12.
Rosalía e Murguía
Un capítulo importantísimo na vida de Rosalía son as súas relacións con Manuel Murguía, con quen contrae matrimonio o 10 de outubro de 1858.
Do seu matrimonio naceron sete fillos, punto este sobre o que houbo algunhas confusións, definitivamente aclaradas tras os traballos de Caamaño Bournacell e de Bouza Brey13:
- Alejandra, nace en maio de 1859 en Santiago de Compostela, case aos sete meses exactos do matrimonio dos seus pais. Morreu en 1937.
- Aura, nace en decembro de 1868 (obsérvese o longo intervalo sen descendencia). Morreu en 1942.
- Gala e Ovidio, xemelgos, naceron en xullo de 1871. A primeira morreu en 1964 e Ovidio faleceu en 1900.
- Amara, nace en xullo de 1873. Morreu en 1921.
- Adriano Honorato Alejandro, nacido en marzo de 1875, morreu en novembro de 1876 como consecuencia dunha caída.
- Valentina, naceu morta en febreiro de 1877.
As opinións da crítica sobre a vida en común da parella son diversas e mesmo contraditorias.
Xesús Alonso Montero nun traballo antigo afirma: Sempre crin que a decisión de casar con este home é un acto propio de quen, atafegado polas, se ve na necesidade de aceptar a menor oportunidade
14.
Anos despois, matizou a súa opinión:
Rosalía, como tantas mulleres españolas de 1857, debeu de crer que só se alcanza a realización persoal plena no matrimonio; por outro lado, a estraña orfandade en que vivira empuxábaa a buscar compañía, amparo e axuda15.
Bouza Brey destaca o fundamental apoio de Murguía ao seu labor poético e a contribución ao recoñecemento dos seus méritos:
Foi o primeiro ademirador das suas escelsas coalidás poéticas [...] O nome de Murguía ten de figurar ó frente de toda obra de Rosalía polo amoroso coido que puxo no seu brilo frente á recatada actitude da súa esposa, apartada sempre dos cenáculos onde se forxan, con razón ou sin ela, as sonas literarias16.
Juan Naya, defendeu sempre o amor entre ambos e cualificou de lenda envexosa os rumores de desavinzas:
A envexa, que sempre está á espreita, forxou a lenda das desavinzas, e ata houbo quen creu que Rosalía fora unha mártir do sagrado vínculo. Temos que confesar que a maior parte desta lenda naceu no noso propio país17.
Pouco antes da súa morte, Murguía destruíu as cartas que a súa muller lle enviara ao longo de toda a súa vida, o que nos privou dunha importante fonte de información biográfica. Por que as destruíu?
Hai moitos anos, baseándome nas acusacións e queixas que aparecen nas escasas cartas conservadas, cheguei á conclusión de que Murguía destruíra as que estaban no seu poder para protexer a súa propia imaxe18. Pero había outras razóns que entón non considerei.
A primeira e máis importante é que esa destrución é un elo máis dunha longa cadea de actos de Murguía destinados a protexer e a enaltecer a figura de Rosalía para a posteridade e que contribuíron a convertela nun mito, no que hoxe é: a representación do espírito de Galicia, a súa Alma Mater19. Para iso, dedicouse a ocultar todo dato biográfico que puidese prexudicar a súa imaxe. José Ramón Barreiro comenta esta postura na súa monumental biografía de Manuel Murguía:
Un ocultamento sistemático permitiulle reelaborar unha interpretación canónica das súas biografías, compracente e sen arestas, que asumiron as fillas e que repetiron mecanicamente nas escasas entrevistas que concederon, e sempre a requirimento dos biógrafos20.
Baseándome na análise da súa obra, na que Rosalía escribiu sobre o amor e o matrimonio, a miña opinión sobre ese punto é que Murguía non foi para ela o que chamamos un grande amor nin probablemente tampouco un compañeiro fiel de penas e alegrías.
A imaxe que deixou Rosalía de si mesma é a dunha muller soa. Calquera lector con sensibilidade que se achegue á súa obra poética percibirá o sentimento de soidade que se desprende dos seus versos, e non me refiro a unha vivencia da soidade existencial do ser humano, senón á soidade sentimental e afectiva. Tamén debo engadir que non toda a culpa é de Murguía.
A orixe dese sentimento de soidade, que impregna a obra da escritora galega, pode proceder da súa infancia. Os estudos de psicoloxía infantil aseguran que os tres primeiros anos da vida dunha persoa marcan de modo case indeleble o seu desenvolvemento psicolóxico posterior. Por iso, creo que é moi posible que a carencia de pai e de nai na súa primeira infancia provocasen en Rosalía ese sentimento de soidade e unha necesidade de agarimo que a acompañaron durante toda a súa vida, e que só paliou en parte a compañía e o amor da súa nai durante os anos en que viviron xuntas.
Teñamos en conta que, xa casada e nai ela mesma dunha nena, escribe ao morrer a súa nai:
Mas cuando muere una madre,
único amor que hay aquí;
¡ay!, cuando una madre muere
debiera un hijo morir.
(O. C. I, p. 469)
O mundo, logo de morta a súa nai, convértese para Rosalía nun lugar frío e abatido:
Ya desde entonces no tuve
quien me prestase calor,
que el fuego que ella encendía
aterido se apagó.
(O. C. I, p. 469)
E ningún outro amor veu dar calor a ese mundo no que Rosalía vai vivir ata a súa morte.
Como era Rosalía? Carácter
A irregularidade do seu nacemento e os acontecementos dos primeiros anos da súa vida deixaron un sinal no carácter e na obra de Rosalía. Desde moi pronto, a crítica tendeu a destacar a influencia daqueles feitos. Juan Rof Carballo21 sinalou a coincidencia de certos trazos do seu mundo poético coa ausencia dunha imaxe
paterna na formación da súa personalidade.
José Luis Varela22 interpreta o símbolo da negra sombra poñéndoo en estreita relación coa escuridade
das súas orixes.
Xesús Alonso Montero23 destaca a presión social que sufriron a nena e a nai e como ese ambiente condicionou a personalidade adulta de Rosalía.
En canto a min24, non me cabe dúbida de que algunhas características da súa visión do mundo -por exemplo, a vinculación de amor, remorso e pecado, así como o tema de ser obxecto de burla e persecución- están intimamente relacionados coa súa historia familiar.
É normal que, nunha nena sensible e intelixente, a falta de pai e a súa condición de froito de amores prohibidos influísen no seu carácter e na súa visión do mundo.
Murguía inicia o Prólogo á segunda edición de En las orillas del Sar con estas palabras:
Cando a vin encerrada nas catro táboas que a todos nos esperan, exclamei: «Descansa, á fin, pobre alma atormentada, ti que tanto sufriches neste mundo».
Creo que alma atormentada
é unha acertada definición do espírito de Rosalía, e coido que ela mesma se vía así.
En «Las literatas. Carta a Eduarda», tras enumerarlle á nova escritora os problemas que a esperan e o rexeitamento social que recibirá, conclúe:
Unha poetisa ou escritora non pode vivir humanamente en paz sobre a terra, posto que, ademais das axitacións do seu espírito, ten as que levantan arredor dela cantos a rodean.
(O. C. I, p. 659)
Esas «axitacións do espírito» eran no seu caso problemas psicolóxicos antigos, derivados probablemente das circunstancias da súa infancia. Rof Carballo, psiquiatra de profesión, ademais de estudoso da súa obra, observou nela síntomas do que se coñece como complexo de Polícrates25. E Murguía, no Prólogo citado, refírese a esa característica do seu carácter: Nada a asustaba tanto como a posesión dunha dita inesperada. Parecíalle que forzosamente debía traer consigo unha nova tormenta
.
Na súa obra deixou numerosos exemplos dese xeito de sentir26.
O proceso de mitificación que se produciu en Galicia respecto da figura de Rosalía afectou tamén o seu carácter. Con frecuencia, destacáronse só aspectos positivos, como a xenerosidade, a solidariedade cos que sufrían e a súa modestia. Biógrafos e estudosos da súa obra transmitíronnos numerosos testemuños desas virtudes.
González Besada conta o que unha esmoleira dicía chorando o día do enterro de Rosalía27:
Nunca deixaba os pobres sen consolo e, cando non podía dar esmola, dáballes consellos e palabras doces que se agradecen ás veces moito máis ca o diñeiro. Eu nunca vin vela que non me acompañase ata a porta.
Juan Naya28 conta que Rosalía, nunha ocasión, se dispuxo a lle dar a unha persoa necesitada practicamente todo o diñeiro de que dispoñía e que, ás obxeccións da súa filla maior, contestou: Dá iso que se nos pide, que Deus proverá
.
Un aspecto pouco citado do seu carácter é a modestia coa que xulgaba o valor literario da súa obra. Era consciente, e así o veremos ao falar da súa poesía social, do papel relevante que representara no renacemento da lingua galega ao lle devolver o seu carácter de lingua de cultura e, ao mesmo tempo, desde un punto de vista estritamente literario, considerábase unha «medianía», tal como lle dixo a Eduardo Pondal nunha carta, datada o día 6/4/1864. Rosalía, despois de animalo a que se coide, poñendo como exemplo a súa propia recuperación, dille:
Respecto a traballar, absolutamente nada e, aínda cando vostede se digna a facerme algúns eloxios que estou moi lonxe de merecer, e que só podo deber á súa boa amizade, asegúrolle que se perde moi pouco con que eu non escriba. Francamente, non teño ningunha fe na gloria e, por outra parte, coñezo demasiado as miñas pequenas forzas. Acaso consistirá en que son moi ambiciosa, pero o certo é que nada de canto fixen me satisfai no máis mínimo e, por iso, despois de ensaiar algúns novos traballos dos cales quedei moi descontenta, rompín canto fixen e non volvín coller a pluma29.
Isto dio despois de publicar La flor (1857), La hija del mar (59), Flavio (59), A mi madre (63) e Cantares gallegos (63).
Murguía sempre a animou a seguir escribindo porque estaba convencido do seu talento e, nesa carta, Rosalía cóntallo a Pondal, pero insiste no escaso valor do que fai:
Manolo bérrame algunhas veces, pero ninguén mellor ca min coñece ata onde podo alcanzar. E, como non teño demasiada paciencia para loitar, abandónome, convencida de que pouco se perde.
En 1865, no artigo «Las literatas. Carta a Eduarda», dille ao seu novo colega:
Irritada contra os necios e as musas, abrín a miña papeleira e rompín canto alí tiña escrito, co cal, a dicir verdade, nada se perdeu.
Hai, pois, en Rosalía unha tendencia a destruír a súa propia obra, que culminou na petición ás súas fillas, pouco antes de morrer, de queimar os seus manuscritos; petición que estas cumpriron en ausencia do pai e en contra do que fora o desexo de Murguía quen, segundo a tradición, lles dixo ao decatarse: Queimastes a súa gloria e a vosa fortuna
.
Murguía tendía a presentala como unha mártir. No Prólogo á segunda edición de En las orillas del Sar di dela:
Xamais ollos ningúns derramaron nos seus días de aflición lágrimas máis amargas que as súas, nin outro corazón coma o seu soportou na Terra máis duros golpes.
E esa mesma imaxe repítea en Cuentas ajustadas medio cobradas, a súa diatriba contra dona Emilia Pardo Bazán. Referíndose á casa na que vivía Rosalía, escribe:
Tras aquelas paredes, silenciosas como a morte, había unha esposa e unha nai que sufría o que só o seu corazón de mártir puido soportar sen romper30.
Con todo iso configúrase a imaxe dunha muller que é todo dozura e paciencia e que está moi lonxe da realidade. Rosalía tiña un carácter forte, e a súa bondade e xenerosidade non impedían que reaccionase con enerxía cando se sentía atacada ou cando o eran aqueles a quen ela estimaba. O propio Murguía confírmao no Prólogo xa citado:
Quen lle falase a Rosalía vería que era a muller máis benévola e sinxela porque no seu trato todo era bondade, piedade, case, para os defectos alleos. Mais cando a ferían, xa como inimiga, xa como acosada polo infortunio, era tal a súa dignidade, que pronto lle facía sentir ao que inferira a ferida todo o peso do seu anoxo.
Nas poucas cartas que conservamos dirixidas ao seu marido, hai mostras de impaciencia, irritación, aspereza ou desexos de molestar. Ben é verdade que, moitas veces, seguidas de peticións de perdón e de recoñecemento das propias faltas. Conmove a imaxe de Rosalía que nos dan estas cartas: unha muller enferma, con pouco diñeiro, afastada do seu marido, irritada coa ignorancia dos médicos e dos melindrosos da familia política. Canto máis humana, resulta máis próxima a nós que a imaxe do mito!
Por outra banda, nos seus versos, Rosalía deixounos constancia de sentimentos que non encaixan na imaxe idílica da «mater galaica»: odio, rancor... Sobre todo ao final da súa vida, é frecuente que aparezan mesturados sentimentos contraditorios de amor e odio. Así, ante a paisaxe das beiras do Sar, afirma no primeiro poema do libro:
Dudo si el rencor adusto
vive unido al amor en mi pecho.
(En las orillas del Sar, Clásicos Castalia, p. 100)
E, de volta a Galicia, exclama ante esas terras, tantas veces anheladas no pasado:
Ódiote, campo fresco
cos teus verdes valados,
cos teus altos loureiros
i os teus camiños brancos.
(«En Cornes », O. C. II, p. 400)
Este sentimento procede moitas veces da súa desesperanzada visión da existencia, da súa amargura. Pero, outras veces, o resentimento e o odio deben de proceder de antigas feridas mal cicatrizadas; quizais do tempo en que a nena Rosalía sentía a burla cara a ela e a súa nai. En La flor, o seu primeiro libro de poemas, escribiu:
La risa y el sarcasmo por doquiera
que fuera yo mi corazón palpaba.
(O. C. I, p. 10)
Vellas ofensas perdoadas, quizais, pero non esquecidas, que procrean sentimentos que repugnaban a nobreza innata de Rosalía; un odio que xorde a pesar dela:
¡Odio!, fillo do inferno,
pode acabalo amor; mas ti n'acabas,
mamoria que recorda-las ofensas.
Si, si, ¡de ti mal haia!
(«Rico ou probe, algún día», O. C. II, p. 291)
A imaxe real de Rosalía é quizais menos perfecta, menos modélica que a do mito, pero é moito máis humana, próxima e entrañable.
Morte de Rosalía
Rosalía morreu dun cancro de útero na súa casa de Padrón, aos corenta e oito anos, o 15 de xullo de 1885.
Con frecuencia, manifestou na súa obra o desexo dun repouso definitivo, que identificaba coa morte. Ás veces, este desexo convértese en tentación de suicidio, sobre todo cando se atopaba ante as augas profundas do mar. A identificación do mar coa morte é un tema recorrente na literatura española desde as coplas de Jorge Manrique, pero en Rosalía non é un símbolo, unha identificación abstracta. Fala dun mar real, e mesmo prevén do seu perigo, como no poema «As Torres de Oeste» de Follas novas, no que unha muller acaba cedendo á tentación e busca o seu descanso nas augas do mar:
¡Alá vou! Lles dixen.
Daime morte dóce,
auguas onde as penas
para sempre dormen...
(O. C. II, p. 432)
Pouco ten que ver co tópico romántico do suicido. Rosalía engádelle mesmo certo humor negro. En «Co seu xordo e costante mormorío», do mesmo libro, compara o son constante das ondas coa voz insistente dun amante que a convida a repousar no seu leito misterioso e frío
.
El namorado está de min... o deño,
i eu namorada del.
Pois saldremos con empeño,
que se el me chama sin parar, eu teño
unhas ansias mortais de apousar nel.
(O. C. II, p. 285)
Esa visión da morte como un mar que te acolle no seu seo debía de estar profundamente arraigada no espírito de Rosalía, porque volvemos atopala nos últimos instantes da súa vida. Xa agonizando, díxolle á súa filla maior: Abre esa xanela que quero ver o mar
31. Desde Padrón non se ve o mar, pero Rosalía debeu de presentir a presenza próxima dese mar da morte no que á fin ía repousar.
1. A data de 1836 é un erro do capelán, xa que todas as partidas que anteceden e seguen son do ano 1837.
2. O máis antigo e ben documentado foi o de José Caamaño Bournacell, Rosalía de Castro en el llanto de su estirpe, Madrid, Ediciones Biosca, 1968. Para os primeiros anos e mocidade de Rosalía, véxase o de María Jesús Lama, Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade, Vigo, Galaxia, 2017. Para calquera aspecto puntual da vida ou da obra de Rosalía, son de obrigada consulta os tres tomos de Actas do Congreso Internacional de Estudos sobre Rosalía de Castro e o seu Tempo, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, Universidade de Santiago de Compostela, 1986. Considero tamén de obrigada lectura as publicacións de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, que iremos citando.
3. As citas das obras de Rosalía fágoas pola miña edición de Obras completas, vol. I e II, Madrid, Turner, Biblioteca Castro, 1993, coa única excepción de En las orillas del Sar, que citarei pola miña edición renovada de Barcelona, Edhasa, Clásicos Castalia, 2019.
4. Sobre este tema tan debatido, véxase Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, «16 de xullo de 1885, primeira mención do capelán José Martínez como pai de Rosalía», Revista de Estudios Rosalianos, 4, 2011, pp. 205-217. E Lino Vilas Barbeito, «El linaje Martínez Viojo y la casa del Castro de Ortoño. Nuevas aportaciones sobre la supuesta familia paterna de Rosalía», Estudios Mindonienses, 28, 2012, pp. 599-634.
5. Naquela época, a lei indicaba que os fillos de sacerdotes non podían vivir con ningún dos pais nin recibir o seu apelido. Véxase Catherine Davies, Rosalía de Castro no seu tempo, Vigo, Galaxia, 1987, p. 41.
6. Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, «Un importante documento para a biografía de Rosalía», Graal, 136, XXXV, 1997, pp. 479-499. O documento atopouno a licenciada en Historia, Dolores Poch Mariño, bolseira da Xunta de Galicia, como pode verse na p. 497 do artigo de Victoria Álvarez. O bibliotecario de Neda, Manuel Pérez Grueiro, informou do achado a varios estudosos de Rosalía, entre os que me conto. Andrés Pociña anunciou ese descubrimento nunha conferencia pronunciada no Salón de Actos do Concello de Granada, o 17 de maio de 1996, Día das Letras Galegas, posteriormente incorporada ao seu libro Galicia e Granada: dous cabos dun eixo espiritual, Sada-A Coruña, Ediciós do Castro, 1998, pp. 164-165.
7. Véxase «Sobre as orixes de Rosalía de Castro: a inclusa de Santiago de Compostela e o caso de Josefa Laureana de Castro», A trabe de ouro, 39, 1999, pp. 325-351.
8. Fermín Bouza Brey, «La joven Rosalía en Compostela (1852-1856)» ,Cuadernos de Estudios Galegos, XXXI, 1955.
9. Publicouna Mauro Armiño nos apéndices da súa edición de En las orillas del Sar, Barcelona, Plaza y Janés, 1985, pp. 306-308. E tamén en LaVoz de Galicia, «Caderno de Cultura», o 18 de xullo de 1985.
Na edición de Plaza y Janés, o autor agradécelle ao fillo de Bouza que puxese á súa disposición os traballos inéditos do seu pai.
10. Véxase José Figueira Valverde, «Rosalía de Castro e a música», en Actas do Congreso Internacional de Estudos sobre Rosalía de Castro e o seu Tempo, Barcelona, Consello da Cultura Galega, Universidade de Santiago de Compostela, 1986, pp. 33-53.
11. Fermín Bouza Brey, «La joven Rosalía en Compostela (1852-1856)», art. citado.
12. Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, «Rosalía de Castro, actriz: noticias y documentos», Revista de Estudios Rosalianos, 1, 2000, pp. 11-43.
13. José Caamaño Bournacell, obra citada. F. Bouza Brey, «Adriano y Valentina, motivaciones inspiradoras de Rosalía de Castro», Cuadernos de Estudios Galegos, LIII, 1962, pp. 374-390.
14. Xesús Alonso Montero, Prólogo á súa edición de En las orillas del Sar, Salamanca, Anaya, col. Biblioteca Anaya, 1964, p. 6.
15. Rosalía de Castro, Madrid, Ediciones Júcar, 1972, p. 24.
16. Fermín Bouza Brey, Prólogo á edición de Cantares gallegos, Vigo, Galaxia, 1970, p. 12.
17. Juan Naya, Inéditos de Rosalía, Santiago de Compostela, Publicacións do Padroado Rosalía de Castro, 1953, p. 77.
18. Marina Mayoral, «Sobre el amor en Rosalía y sobre la destrución de ciertas cartas», Cuadernos Hispanoamericanos, 233, maio 1969, pp. 1-16.
19. Estudo con detalle esta cuestión no meu discurso de ingreso como académica de honra na Real Academia Galega, «Por que Murguía destruíu as cartas de Rosalía», RAG, 2017. Reproducido en Rosalía de Castro. Obra poética e manuscritos, A Coruña, Ediciones Boreal, 2019.
20. Xosé Ramón Barreiro, Murguía, Vigo, Galaxia, 2012, p. 7.
21. Juan Rof Carballo, «Rosalía, ánima galaica», en 7 ensayos sobre Rosalía, Vigo, Galaxia, 1952.
22. José Luis Varela, Poesía y restauración cultural en Galicia en el siglo XIX, Madrid, Gredos, col. Biblioteca Románica Hispánica, 1958.
23. Xesús Alonso Montero, Rosalía de Castro, Madrid, Ediciones Júcar, 1972.
24. Marina Mayoral, La poesía de Rosalía de Castro, Madrid, Gredos, col. Biblioteca Románica Hispánica, 1974.
25. O complexo de Polícrates é unha enfermidade psíquica que provoca a infelicidade ou o fracaso dunha persoa, precisamente no momento no que alcanza as súas máximas aspiracións. O nome procede da historia de Polícrates, tirano de Samos, quen, por temor a que os deuses o castigasen pola súa excesiva felicidade, lles ofreceu en sacrificio un valioso anel, que botou ao mar. O anel foille devolto por un pescador que o atopou no ventre dun peixe. Polícrates morreu torturado polo exército de Darío, de xeito que se cumpriron os seus presentimentos de desgraza. Véxase J. Rof Carballo, «Rosalía, ánima galaica», en 7 ensayos sobre Rosalía, Vigo, Galaxia, 1952, pp. 113-149.
26. Para máis detalles e exemplos véxase «El complejo de Polícrates», capítulo XIX de La Poesía de Rosalía de Castro, edición citada.
27. Augusto González Besada, Rosalía de Castro. Notas Biográficas, Madrid, Biblioteca Hispánica, 1916, p. 116.
28. Obra citada, p. 49.
29. Rosalía de Castro, Epistolario. Cartas a Eduardo Pondal, edición dixital do Consello da Cultura Galega.
30. Cito pola recompilación de artigos de Murguía feita por Xosé Benito Tucho Calvo, Murguía e La Voz de Galicia, A Coruña, La Voz de Galicia, 2000.
31. Augusto González Besada, obra citada, p. 73.